Hoxe asistimos á inauguración da exposición sobre este elemento esencial na historia e arquitectura de Galicia, a cargo do grupo de investigación “Historia social do poder desde a Idade Media”, pertencente ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, en Santiago de Compostela, comisariada por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Entre os colaboradores do proxecto está presente o noso compañeiro da Asociación de Estudios Históricos de Galicia, Javier García Gómez, como autor das ilustracións arqueolóxicas de elementos arquitectónicos e heráldicos do proxecto.
A exposición, aberta ata o 28 de febreiro de 2026, xunta mais dunha ducia de paneis que analizan diferentes aspectos do castelo de Soutomaior e a súa contorna histórica. Entre as temáticas abordadas atópanse o espazo señorial no que se asenta a fortaleza, a súa evolución arquitectónica, as liñaxes vinculadas con ela, a súa pegada na documentación histórica e as composicións literarias que inspirou no decorrer do tempo.
Neste acto presentouse a web osnososcastelos.iegps.csic.es, sobre esta exposición, xunto coas precedentes adicadas a castelos, torres e fortalezas de Galicia e a súa contorna xeográfica, completada con 60 biografías dos personaxes históricos vinculados coas mesmas.
- Castro Caldelas e Monforte de Lemos (2021-2022).
- Castro de Ouro e o mariscal Pardo de Cela (2022-2023).
- A Limia, terra de torres (2023-2024).
- San Paio de Narla e os seus señores (2024-2025).





