Noticias » A Estrada, miscelánea histórica e cultural.

A Estrada, miscelánea histórica e cultural.

O vindeiro martes 26 de decembro preséntase, ás 20:00 horas no Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela, a XXVI edición da revista Miscelánea Histórica e Cultural. Entre os seus variados traballos, inclúense os asinados por varios membros da nosa Asociación.

Luis Ferro Pego xunto con Xosé Troiano Carril, presentan “Campás e campaneiros”, un estudo sobre as campás que inclúe un inventario de todas as do concello da Estrada, ademais dunha completa relación dos mestres fundidores acompañada dunha breve xenealoxía de cada un deles.

Xosé Manuel Bértolo Ballesteros analiza no seu artigo “O doutor Ramón Amigo Brey”, a biografía deste médico, coñecido tanto na Coruña, donde exerceu o seu oficio, como na súa parroquia de nacemento no 1860, Oca de Arriba. Ilustres literatos como Emilia Pardo Bazán, Manuel Reimóndez ou Victoria Armesto adicaron numerosas páxinas a este personaxe.

Javier García Gómez, baixo o título “Dereitos de presentación, rendas, padroado e beneficios de San Martiño Pinario e a Universidade de Santiago, sobre varias parroquias da Estrada no século XVI”, analiza estas obrigas nas freguesías estradenses de Moreiras, Frades, Matalobos, Orazo e San Xurxo, San Xiao e San Andrés de Vea.

Adxuntamos publicación no xornal La Voz de Galicia do 21 de decembro do 2023.