O sábado 24 de abril, aproveitando a presentación de Nalgures XXIII, achegámonos á vila de Ribadeo a desfrutar da súa historia, paisaxes, arte e gastronomía.
Fixo de guía o noso compañeiro Alberto Paraje, axeitado cicerone ribadense que nos amosou os segredos desta xoia do Cantábrico, as súas orixes medievais, a desaparecida catedral, as murallas, as portas, os personaxes históricos.
Descubrimos con renovada visión a Casa dos Moreno, as construcións indianas, o Campo de san Francisco, o Cantón, a igrexa de santa María do Campo, en suma, a vida da xente.
Despois de degustar un merecido xantar, lugar escollido e perfecto para o grupo, percorremos as rúas do casco vello, o Camiño de Santiago que entra desde terras asturianas, as casonas fidalgas e blasonadas, a capela da Atalaia e unhas inmellorables vistas do porto e a ría xuntándose co Eo.
Despois de percorrer os peiraos, subimos pola capela de san Miguel ata o forte de San Damián, testemuña viva da historia desta vila desde 1624, e admiramos a inmensidade do mar desde a illa Pancha neste soleado día primaveral. Agradecidos, voltaremos.



