Montevideo (1959). Licenciado en Xeografía e Historia pola UNED. Realiza a tese de doutoramento sobre “A Orde do Temple nos reinos de Galicia e León”. Historiador do Concello de Culleredo. Membro da Sociedad Española de Estudios Medievales, da Asociación “Estudios Históricos de Galicia” ou da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Formou parte do desaparecido colectivo poético coruñés “Os Habitantes do Lago”, participando en numerosos recitais. Foi un dos fundadores do Grupo de Teatro “Maiolongo” de Culleredo, no ano 1976. Cursou estudios varios anos no Conservatorio da Coruña.
Dedicado fundamentalmente á investigación histórica, ademais de numerosos artigos históricos en revistas especializadas ten publicado, entre outros, libros como: Historia das parroquias de Sésamo e Sueiro (1998); O que fixeron en Galicia. 1936 (1998); Fábrica de Armas de A Coruña. Seis décadas de historia (1998); Anxo Senra Fernández. Vida e obra (1999); Os Templarios. Artigos e ensaios (2000), con edición en castelán en 2002; A Cultura en Culleredo na IIª República: o “Ateneo de la Villa de Rutis” (2001); Miradoiro da Ría. Artigos en “El Metropolitano” e “El Entorno Metropolitano” (2002); Asociacionismo e movemento obreiro en Oleiros (1900-1936) (2002)
Dentro do labor relacionado coa arte, ilustrou varios números de revistas como “Ó Loro”, “Os Habitantes do Lago” ou “Galería”, deseñando así mesmo diversos carteis e folletos. Participou, nos anos 80, nalgúns dos certames de Banda Deseñada organizados pola Casa da Xuventude de Ourense, así como nas exposicións colectivas itinerantes dos mesmos.
Tense ocupado, en textos publicados en libros, folletos e catálogos de exposicións, da obra de artistas como Manuel Romero, Alfredo Erias, Julio Fernández Argüelles, Dulce Anca, María Xosé Leira, Chus García Camino, María José Brune ou Secundino Rivera, entre outros.
No Concello de Culleredo, encárgase da organización de moitas das exposicións das salas municipais.
Pouco afeccionado á realizar exposicións, ten participado, nos anos 80, en varias de carácter colectivo en diversos centros culturais do concello de Culleredo, celebrando tan só unha exposición individual no desaparecido pub “El Halcón Maltés”, da Coruña, en 1986.
Os presentados nesta exposición son os seus primeiros gravados, realizados en punta seca.