Acta Nº 45


XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS 

HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 26 NOVEMBRO DE 2009



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios: José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez,  Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vicesecretario e vocal de subvencións, Jesús Ángel Sánchez García, vocal de conferencias, José Alfeirán Rodríguez, xunto cos vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Alfredo Erias Martínez, Luis Gorrochategui Santos e Carlos de Castro Álvarez. Escusou a súa asistencia a vicepresidenta Amparo Hernández Segura.


Sendo as vinte horas trinta minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do presidente.


Deu conta en primeiro termo do pasamento de José Ignacio Fernández de Viana y Vieites, catedrático da Universidad de Granada e membro desta Asociación, nova que encheu de pesar á Xunta Directiva e a todos os compoñentes desta Asociación.


Noutro orde de cousas, informou da solicitude de admisión feita por Carlos de Santos Fernández, ao que se acorda admitir e dar a benvida.


Someteu a consideración dos socios a posibilidade de difundir o nº 3 de Nalgures, na nosa páxina web, cousa que foi aceptada e parabenizada por todos os presentes.


2.- Estado de contas. Cotas pendentes.


Informou o tesoureiro, Benito Figueroa que desde o 18 do corrente quedaron fusionadas as dúas contas, tendo así tan so operativa a que nos ofrecía maior rendibilidade en Caixa Galicia. O saldo total é favorable, despois de aboar os gastos de impresión de Nalgures nº 5 tendo aínda pendente o cargo correspondente ao exceso de páxinas a respecto do presuposto aprobado.


Para este ano so temos como gastos previsibles os correspondentes ao mantemento da páxina web polo que atinxe ao segundo semestre.


3.- Situación da impresión de Nalgures nº 5.


Atópase en impresión o número 5 de Nalgures e na segunda quincena de decembro farase a distribución. A finais do mesmo mes ou comezo de xaneiro, prevese facer a presentación.


Tendo en conta o anterior, acordouse abrir o prazo para presentación de artigos cos que confeccionar o número 6 da nosa revista.


4.- Situación das subvencións solicitadas.


Informou o presidente que se obtivo unha subvención da Xunta de Galicia para edición e distribución de Nalgures, aínda que so nos aportaron o 50% desa cantidade.


5.- Programación de excursións.


Acordouse pospor a excursión proxectada á cidade de Ourense para a primavera e facer unha visita a San Martín Pinario en xaneiro, e en caso de resultar inviable, á Colexiata do Sar.


6.- Programación de conferencias e outros actos.


Suscitouse un pormenorizado debate sobre a posibilidade de organizar un ciclo de conferencias en Ferrol. Non se acordou nada definitivo.


7.- Xantar de Nadal.


Segundo é tradicional, organizarase un xantar de Nadal o sábado 19 de decembro no Casino da Coruña.


8.- Rogos e preguntas.


Propuxo este secretario a posibilidade de mellorar e actualizar a nosa páxina web, melloras relacionadas coa consecución dunha web dinámica para o que será preciso contar con un ou mais administradores que introduzan e supervisen os contidos. Encargouse un presuposto ao webmaster.


José Enrique Belloch indicou que existe un stock de revistas que lle ocasiona xa problemas de almacenaxe.


Do nº 1 hai 36 exemplares.


Do nº 2, temos 93 exemplares.


Do nº 3, contamos con 70 exemplares.


Do nº 5, están almacenados 100 exemplares.


Co fin de paliar estes problemas, lémbrase aos socios que calquera pode retirar exemplares, ben directamente establecendo contacto con José Enrique Benlloch, ben enviándollos a portes debidos. Malia todo, decídese conservar un stock de seguridade de 25 exemplares por cada un dos números.


Non tendo mais asuntos que abordar, deuse lectura a esta acta que foi aprobada por unanimidade. E sendo as vinte dúas horas e dez minutos, o presidente levantou a sesión, de todo o cal eu, secretario, certifico.








José Luis López Sangil, presidente                      Javier López Vallo, secretario