Acta nº 46


XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS 

HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 29 DE ABRIL DE 2010



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios: Demetrio Díaz Sánchez, Luis Gorrochategui Santos, Amparo Hernández Segura, José Luis Pardo Caeiro, Jesús Ángel Sánchez García, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vocal de conferencias José Alfeirán Rodríguez, xunto cos vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Alfredo Erias Martínez e Carlos de Castro Álvarez.


Sendo as vinte horas trinta e cinco minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do presidente.


Deu conta da correspondencia recibida e contestada e dos envíos de publicacións; do mesmo xeito comentou a visita realizada ao Pórtico da Gloria.


Comentou que aínda non temos artigos dabondo para a publicación do número 6 de Nalgures. Neste senso aludiu ao problema que xurde co artigo dos socios Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá, debido a que a súa extensión obrigaríanos a adicar un número case que monográfico. Posto en contacto cos autores decidiron dividir o artigo orixinal en dous, facendo as adaptacións oportunas para que se poidan ler de xeito independente.


2.- Estado de contas. Cotas pendentes.


Presentou o tesoureiro, Benito Figueroa, varias contas por gastos de correos e outros de escasa entidade que foron asinadas polo presidente.


3.- Artigos para a edición de Nalgures nº 6.


Tras o dito no informe do presidente, a Xunta Directiva acordou invitar aos socios a que envíen os seus traballos para a seu exame e publicación na nosa revista.


4.- Situación das subvencións para o ano 2010.


Interveu o socio, administrador da Asociación, José Luis Pardo Caeiro, e sinalou que temos pendentes de cobro a última subvención outorgada pola Deputación Provincial da Coruña.


Tamén indicou que tivemos dificultades para cobrar subvencións solicitadas á Xunta de Galicia xa que aparecendo inscritos no rexistro de asociacións, non estabamos dados de alta no Rexistro de Asociacións Culturais. Practicadas as xestións oportunas por José Luis Pardo, quedou feita a inscrición.


Percibiuse por parte da Xunta de Galicia unha subvención. A concedida era aproximadamente o dobre da cantidade, que quedou minorada ao presentar unha factura cun gasto efectivo na empresa Lugami, inferior ao presuposto enviado.


5.- Altas e baixas.


Viuse e aceptouse a solicitude de alta feita por José María Manuel García-Osuna Rodríguez, José Martinho Montero Santalha, Javier Padín Martínez e a de Jesús Andrés López Calvo, aos que se lles da a benvida á Asociación.


Deu conta tamén José Luis Pardo que oito socios presentan débedas coa Asociación, ben porque non abonan os recibos de algún ou varios anos, ben porque ingresaron cantidades correspondentes á cota antiga, ben porque non teñen domiciliado o pago. A Xunta Directiva autorizou ao administrador José Luis Pardo Caeiro para que no seu nome se dirixa a eles a fin de que regularicen a situación. No caso de tres dos socios que non abonan as cotas desde 2007 ou 2008 enviaráselles unha proposta de baixa, que será efectiva en caso de non facer fronte aos pagos.


6.- Proposta de modificación da páxina web.


Deu conta o presidente do presuposto que presenta o webmaster para actualizar e modificar a nosa páxina web para facela dinámica, ampliar a súa capacidade e poder introducir mais contidos. 

Sendo prioritario na Asociación a edición da nosa revista, acordouse suspender polo de agora esta iniciativa até que se atope unha subvención que cubra de xeito, cando menos parcial, o gasto previsto.


7.- Programación de vindeiras excursións.


Propuxéronse excursións á zona de Moeche, Narahío; outra a Ourense, en concreto Montederramo, Maceda e Xunqueira de Espadañedo, recomendando o uso do autobús. Tamén se propuxo a visita ao castelo de Altamira e restos do da Rocha; visita aos pazos de Oca e Rivadulla, coa posibilidade de ver o interior dos mesmos.


Non se adoptou ningún acordo e en función das xestións que se fagan, anunciarase por correo electrónico e na páxina web a celebración da vindeira excursión que será en dúas ou tres semanas.


8.- Programación de conferencias e outros actos.


Non hai previstas conferencias dos socios organizadas pola Asociación.


9.- Elaboración dun tríptico.


O socio Juan Burgoa propuxo a confección dun tríptico para distribuír nos actos da Asociación. A proposta foi estimada acordando que este secretario se coordine con Juan Burgoa para levar adiante o proxecto.


10.- Novo boletín de inscrición.


O presidente presentou o novo modelo de boletín de inscrición, que someteu a exame da Xunta Directiva e quedou aprobado.


11.- Rogos e preguntas.


Propuxo o presidente facer xestións para incluír a nosa revista en determinados índices de impacto. A Xunta Directiva acordou facer as xestións oportunas.


E sendo as vintedúas horas tinta minutos, despois de ser lida esta acta e aprobada, o presidente levantou a sesión de todo o cal eu, secretario, certifico.








José Luis López Sangil, presidente Javier López Vallo, secretario