XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 18 DE ABRIL DE 2008



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais socios José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Amparo Hernández Segura, José Luis Pardo Caeiro, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vicesecretario e vocal de subvencións, Jesús Ángel Sánchez García, vocal de excursións Ana Fernández Matarán, vocal de conferencias José Alfeirán Rodríguez, vocal de medios de comunicación Juan Granados Loureda, e os vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Ana María Romero Masiá, Luis Gorrochategui Santos, Alfredo Erias Martínez, e Carlos de Castro Álvarez.


Sendo as vinte horas trinta minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do Presidente.


Resumiu as actividades desenvolvidas ultimamente pola Asociación, en primeiro termo a presentación, o pasado sete de marzo, do número tres da nosa revista Nalgures, desenvolvida no local da Obra Social de Caixa Galicia desta cidade; a continuación, o socio Juan Granados Loureda pronunciou unha interesante conferencia baixo o título “Patrimonio Histórico-Militar en la Edad Moderna en Galicia”. Ao día seguinte, oito de marzo, celebrouse a excursión ao castelo de Soutomaior e mosteiros de Poio e Armenteira.


Engadiu tamén que se abonou a Hostalia o importe anual do dominio correspondente á nosa páxina web.


O 18 de marzo firmouse o acordo de confidencialidade dos nosos datos coa empresa CXG Publicidad Directa S.L., empresa que distribúe a nosa revista. Con tal motivo informou tamén das existencias correspondentes aos tres números publicados.


Concluíu indicando que no vindeiro número de Nalgures, publícase o tombo do convento dominico de Santa Marta de Ortigueira, obra póstuma do noso benquerido e inesquecible compañeiro, Santiago Daviña Sáinz, falecido hai ben poucos meses. O presidente leu un texto que acompañará á publicación e solicitou aos compoñentes da Xunta Directiva que alguén redactara unha nota biobibliográfica. Con tal motivo, encargouse o prólogo de Nalgures número 4 á vicepresidenta Amparo Hernández Segura.


2.- Estado de contas.


Fixo uso da palabra o tesoureiro, Benito Figueroa Aldariz, que presentou e agradeceu en primeiro termo o magnífico traballo feito polo socio José Luis Pardo Caeiro confeccionando relacións de recibos non domiciliados, domiciliados enviados a bancos, así como balances de sumas e saldos.


Indicou tamén que o saldo nas nosas contas é positivo.


Aprobouse tamén o aumento do IPC correspondente ao mantemento da nosa páxina web.


3.- Cobro de cotas 2007 e 2008.


A fin de facer efectivas as cotas, acordouse proceder á domiciliación dos recibos correspondentes ao ano 2007 e 2008 para os asociados que comunicaron os seus números de conta, e para os que non o fixeron e non abonaron aínda as súas cotas, acordouse enviar unha carta na que se informará aos interesados que deben ingresar na conta da Asociación 30 € do ano 2008, e no seu caso, 21 € do 2007.


4.- Evolución da petición de subvención á Deputación Provincial da Coruña do ano 2008.


Segundo informou o presidente, xurdiron algunhas dificultades para percibir a subvención, o que motivou que fixera diversas xestións, tanto persoais como por escrito, das que se espera o resultado mais favorable.


5.- Impresión de Nalgures nº 4. Facturación.


Despois dun breve debate e exposición do presidente indicando que temos artigos dabondo para publicar outro número, acordouse que o vocal da revista Nalgures, José Enrique Benlloch xestionará coa empresa Lugami de Betanzos, a inmediata impresión do número catro da nosa revista, facéndose coa factura no prazo mais breve que sexa posible.


6.- Edición de Nalgures nº 5 no presente ano.


Acordouse solicitar aos socios artigos con data tope de entrega o un de setembro do 2008.


7.- Petición do nº 3 de Nalgures por parte de librerías.


Habendo informado o presidente que varias librarías solicitan exemplares da nosa revista, queréndoa asemade distribuír, xurdiu un debate encol da conveniencia e implicacións fiscais que tería poñer á venta os números da nosa revista; que sendo esta unha asociación aberta a todo aquel que queira participar nela, pódese  calquera dar de alta, caso no que se lle enviarían gratuitamente os exemplares da revista; que segundo acordamos con anterioridade, os números antigos iranse colgando na nosa web para que estean a disposición de todo aquel que queira consultalos. En consecuencia, a Xunta Directiva acordou non mudar o seu criterio e desbotar a idea de vender exemplares de Nalgures, e que no seu caso, quen queira facerse con un sen ser socio, ten a posibilidade de poñerse en contacto con nós e poderíaselle mandar o exemplar no que estivese interesado de xeito gratuíto.


Con tal motivo o tesoureiro, Benito Figueroa Aldariz, suxeriu e aprobouse, a confección dunhas normas do Consello de Redacción.


8.- Programación das vindeira excursións.


Acordouse organizar unha excursión á Torre de Hércules para o 24 de maio co gaio da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. A comida de confraternidade desenvolveríase en Caión.


9.- Programación de conferencias.


Ningún dos asistentes ten noticia de que algún dos socios ofrecérase a pronunciar unha conferencia.


10.- Rogos e preguntas.


O vocal Demetrio Díaz Sánchez, solicitou que se lle enviara o impreso para a domiciliación de cota, o que se fará no mais breve prazo.


E sendo as vintedúas horas e vintecinco minutos, non habendo mais asuntos de que tratar, o presidente deu por pechada a reunión, de todo o cal eu, secretario, certifico.







Javier López Vallo, secretario José Luis López Sangil, presidente