XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 10 DE XUÑO DE 2008



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Ana Fernández Matarán, Luis Gorrochategui Santos, Amparo Hernández Segura, José Luis Pardo Caeiro, François Viborel, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vicesecretario e vocal de subvencións, Jesús Ángel Sánchez García, vocal de conferencias José Alfeirán Rodríguez, vocal de medios de comunicación Juan Granados Loureda, e os vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Alfredo Erias Martínez, e Carlos de Castro Álvarez.


Sendo as vinte horas trinta minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do Presidente.


Centrou a súa intervención nas xestións realizadas para a petición de subvencións a entidades privadas, sinaladamente Deputación Provincia da Coruña e caixas de aforro. Por unha destas solicitouse unha memoria de actividades.

 

O servidor de correo electrónico da nosa páxina web aproximábase á súa saturación. A fin de dar solución a este inconveniente, anuláronse varias contas de correo previa consulta aos usuarios que acumulaban mails se abrir.


2 e 3.-  Estado de contas e actuacións desenvolvidas para o cobro de cotas dos anos 2007 e 2008.


Informou o tesoureiro que o saldo das nosas contas segue sendo favorable, e que se cobraron as cotas dos anos 2007 e 2008 correspondentes aos socios que as teñen domiciliadas.


Acordouse enviar cartas a aqueles socios que non domiciliaron os pagos e non pagaron directamente a fin de que procedan ao pago.


4.- Evolución das peticións de subvención á Deputación da Coruña e a Caixa Galicia nos anos 2007 e 2008. Posibilidades con Caixanova.


Tras diversas xestións, Caixa Galicia concedeunos unha subvención.


A subvención do ano 2007 correspondente ao nº 4 de Nalgures foi devolta pola Deputación da Coruña, e de novo xustificada polo presidente. Do mesmo xeito, o presidente fixo diversas xestións persoais nesta entidade das que se espera un resultado favorable.


5.- Impresión de Nalgures nº 4.


Están listos todos os artigos para a próxima impresión deste número da nosa revista. Encargarase destas tarefas a empresa Lugami de Betanzos.


6.- Artigos para Nalgures nº 5.


Aínda non hai artigos suficientes para completar un novo número, polo que se invita aos socios a que envíen os seus traballos.


7.- Programación dunha excursión para o 28 de xuño de 2008.


En atención á carestía do combustible e a que o número de socios permite usar o transporte colectivo, acórdase facer unha excursión en autobús á provincia de Ourense visitando Celanova, Ramirás, Santa Mariña de Augas Santas, Xunqueira de Ambía e Allariz.


8.- Programación de conferencias.


O socio Juan Granados Loureda está interesado en pronunciar unha sobre a Guerra da Independencia. A vicepresidenta fará as xestións oportunas en Caixa Galicia a fin de solicitar o local correspondente poñéndose en contacto co conferenciante para establecer data e hora que se anunciará na páxina web da Asociación. Este acordo foi ampliado na quenda de rogos e preguntas.


9.- Altas de socios.


Acordouse admitir e dar a benvida a dous novos socios que solicitaran formar parte da Asociación: Luis Ferro Prego e Ramón Yzquierdo Perrín.


10.- Rogos e preguntas.


A vicepresidenta, Amparo Hernández Segura, expuxo que sendo bo número os docentes que hai na Asociación, e atopándonos nunhas datas que impedirían a asistencia dos mesmos á conferencia de Juan Granados, acordouse pospoñela para o mes de setembro.


Este secretario insistiu en que debemos cambiar a dirección oficial da Asociación, cousa que se acorda facer na vindeira asemblea xeral.


Informou Luis Gorrochategui Santos que o venres 13 de xuño, a cónsul da República Argentina no NO de España, visitará a Biblioteca do Real Consulado polo que estamos invitados a acompañala, agradecéndolle á vez a promoción e interese pola historia común de Galicia e Argentina.


O socio José Luis Pardo Caeiro pediu que se redactaran as actas en castelán e galego. Este secretario informou que traducirá calquera acta ou acordo ao español sempre que tivera que xurdir efectos fora de Galicia. Noutro caso, mantivo o seu criterio de redactalas en galego. Participou o presidente sinalando que xa é antigo o acordo de respetar a lingua elixida por calquera dos socios nas actividades da Asociación.


Finalmente, a Xunta Directiva e socios presentes, acordaron felicitar ao tamén socio Gabriel Quiroga Barro, con motivo do seu nomeamento como director do Arquivo Nacional de Galicia, con sé en Santiago, transmitíndolle á vez os seus mellores desexos.


Lida esta acta, aprobouse polos presentes.


E non habendo mais asuntos de que tratar, sendo as vintedúas horas e trinta e cinco minutos, o presidente deu por pechada a sesión, de todo o cal eu, secretario, certifico.







Javier López Vallo, secretario     José Luis López Sangil, presidente