Acta nº 40


XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 7 DE NOVEMBRO DE 2008



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Luís Gorrochategui Santos, Amparo Hernández Segura, Manuel María de Artaza Montero, José Luis Pardo Caeiro, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vicesecretario e vocal de subvencións, Jesús Ángel Sánchez García, vocal de conferencias José Alfeirán Rodríguez, vocal de medios de comunicación Juan Granados Loureda, vocal de excursión Ana Fernández Matarán e os vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Alfredo Erias Martínez, e Carlos de Castro Álvarez.


Sendo as vinte horas trinta minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do presidente.


Deu conta da comunicación recibida da Excma. Deputación Provincia da Coruña na que nos piden diversos documentos para facer un control financeiro das subvencións recibidas e destinadas á publicación dos números 2 e 3 de Nalgures, procedendo de dita entidade un importe total de 5.993,73 €. 


Esta inspección deu lugar a un amplo debate no que, estando claro para os asistentes que non existindo o menor inconveniente por parte desta Asociación en facilitar datos económicos, non se poido manter o mesmo criterio noutros aspectos, pois xurdiron dúbidas encol dos datos nominativos que se solicitan, que non deben incluír outra cousa que non sexa o nome dos asociados. Informou tamén o mesmo presidente que a inspección será o vindeiro día 14 do corrente, e a ela acudirá el mesmo, a vicepresidenta e o tesoureiro.


2.- Estado de contas.


Indicou o tesoureiro, Benito Figueroa Aldariz, que non existe ningún pago pendente e nas dúas contas seguemos a ter un saldo favorable. 


3.- Actuacións desenvolvidas para o cobro de cotas pendentes de 2007 e 2008.


José Luis Pardo Caeiro ofreceuse a facer xestións telefónicas para coñecer se os poucos morosos que aínda quedan desexan pertencer á Asociación ou causar baixa na mesma.


4.- Problemática coa subvención da Deputación da Coruña para o nº 5 de Nalgures.


Informou o presidente que malia a haber solicitado unha subvención do 80% para a publicación do nº 5 de Nalgures, a Deputación concédenos tan so un 20% do total solicitado. 


Despois dun debate moi miúdo, decidiuse contestar a dita entidade solicitando unha ampliación da subvención, e en caso de que viñera denegada, renunciar ao 20% concedido por ser inviable economicamente para o desenvolvemento dos nosos proxectos.


5.- Solicitude de subvención para Nalgures a Caixanova.


 Teñen constancia os presentes que as subvencións solicitadas a entidades públicas demóranse e poden xurdir problemas como a minoración das cantidades solicitadas coa conseguinte paralización dos nosos proxectos. A fin de previr estes inconvenientes, José Luis Pardo Caeiro fixo xestións con Caixanova que, en principio, parecen positivas, aínda que se está pendente da súa concesión e en que porcentaxe.


A preferencia das subvencións procedentes de entidades privadas evita trámites burocráticos, longos, ás veces fragosos, e que realiza na maior parte dos casos o presidente. As entidades privadas, en xeral, conceden a subvención unha vez realizada a impresión do libro ou revista con tan so entregar a factura, sendo o abono inmediato.


6.- Presentación pública de Nalgures nº 4.


O presidente redactou unha presentación que se entregará á prensa e distribuíu na reunión. En vista de que a nota era algo extensa, acordouse entregar aos medios o primeiro parágrafo da mesma. José Luis Pardo Caeiro ofreceuse a facer xestións ante un medio de comunicación, cousa que agradeceu o resto da Xunta Directiva.


7.- Artigos para Nalgures nº 5.


Recibíronse polo de agora oito artigos para este número que se repartiron para a súa lectura.


8.- Programación de vindeiras excursións.


Acordouse visitar Pontedeume, Redes e Santa Catalina de Montefaro. Concretarase a data da excursión a través da páxina web e un correo electrónico a todos os socios. 


Aproveitouse este punto para facer fincapé na satisfacción xeral de todos os asistentes a última excursión a Betanzos, motivada sen dúbida pola labor de Alfredo Erias.


9.- Programación de conferencias.


Queda fixado o seminario que dirixirá Manuel María de Artaza para o vindeiro día 11 de decembro ás 20 horas na Sala de Prensa de Caixa Galicia, na súa sé do Cantón Grande da Coruña.


10.- Novos socios.


Acordouse dar a benvida a esta Asociación a Alejandro Fernández Pan, condicionada como é habitual ao pago da cota correspondente.


11.- Rogos e preguntas.


O socio José Luis Pardo Caeiro legalizou no Rexistro Mercantil o libro de actas da nosa Asociación, o que motivou un novo agradecemento da Xunta Directiva pola súa actividade.


E non habendo mais asuntos de que tratar, deuse lectura a esta acta que foi aprobada por unanimidade. 


Asemade, ratifícanse todas as actas anteriores e inclúense no libro de actas.  E sendo as vintedúas horas trinta e cinco minutos, o presidente levantou a sesión, de todo o cal eu, secretario, certifico.









Javier López Vallo, secretario     José Luis López Sangil, presidente