XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 5 DE SETEMBRO DE 2007




Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios: Manuel María de Artaza Montero, José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Juan Antonio Granados Loureda, Amparo Hernández Segura, José Luis Pardo Caeiro, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Sendo as vinte horas corenta e cinco minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do presidente.


Centrou o seu informe no estado da última subvención concedida pola Excma. Deputación Provincial da Coruña, sinalando que fixo diversas xestións sabendo que a orde de pago ao noso favor foi dada con data vinte de agosto.


Así mesmo, indicou que está presentada na mesma Deputación Provincial a documentación para a solicitude dunha nova subvención co fin de publicar outro número de Nalgures, sabendo que o expediente se tramita sen atrancos e polo seu curso normal.


2.- Estado de contas.


Informou o tesoureiro indicando cal é o saldo ao noso favor e que entre as previsións de gastos atópase o mantemento da nosa páxina web, cun aumento trimestral dun 3 %.


3.- Situación do pago de cotas do 2007. Decisións a tomar.


Indicou o mesmo tesoureiro que hai catorce morosos que non pagaron aínda as cotas correspondentes ao ano 2006 e anteriores. Acordou a Xunta Directiva que este secretario lembrará aos interesados esta circunstancia, que de non facer o pago nun prazo prudencial, entenderase que non desexan pertencer á Asociación, e causarán baixa no rexistro de socios.


En atención ao tempo empregado e ás dificultades que presenta o control do pago de cotas, acordouse pedir presuposto a unha asesoría para realizar estas xestións. Neste intre fixo uso da palabra o socio José Luís Pardo Caeiro, ofrecéndose a levalas desde a súa empresa sen cargo algún para a Asociación. Os presentes agradeceron este desinteresado xesto que redundará no conseguinte aforro para os fondos que poderán aplicarse ás actividades culturais que desenvolvemos.


4.- Estado das subvencións.


Non foi abordado este punto por tratarse xa no Informe do presidente.


5.- Xestións para a edición do número 3 de Nalgures.


Tamén avanzara algo no seu informe o presidente encol desde punto, engadindo agora que ten no seu poder todos os traballos a incluír neste número da nosa revista que terá o seguinte contido:


Vida y obra del Marqués de Amboage. Historia de su fundación benéfica, por Juan J. Burgoa.

Noticias históricas del Archivo Municipal de La Coruña y los milagros de Nuestra Señora de Pastoriza y otras noticias de su santuario, por Santiago Daviña Sáinz

Las invasiones británicas del Rio de la Plata 1806-7, por Luis Gorrochategui.

Fuentes documentales de la edad media gallega, por José Luis López Sangil

Ante un próximo bicentenario. Los comerciantes coruñeses durante la guerra de la independencia, por Mª Consuelo Mariño Bobillo.

De las viejas estirpes a las nuevas hidalguías. El entramado nobiliario gallego al fin de la Edad Media, por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés

A bailía de Amoeiro (Ourense) da Orde do Temple, por Carlos Pereira Martínez

San Rosendo: obispo de Mondoñedo e Iria, reformador del monacato y pacificador de Galicia, por Segundo Pérez López.

Un documento original del monasterio de San Salvador de Asma (Chantada) en el Archivo Catedral de Oviedo, por María Josefa Sanz Fuentes.

Juan Flórez, impulsor de la feria y las fiestas del verano, por María de la O  Suárez Rodríguez.

La iglesia románica de Santa Eulalia de Aguada, por Rafael Tobío Cendón

Beresmo y la inscripción romana de Cícere, por Manuel Vidán Torreira

Presentación e actividades da Asociación.


O mesmo presidente sinalou que en canto teñamos ingresada en conta a subvención para a publicación deste número, entregará o material á empresa LUGAMI de Betanzos, que se encargará das labores de impresión ao igual que o fixo co número 2.


Por último, acordouse abrir o prazo para a recepción de artigos cos que publicar o número 4 de Nalgures.


6.- Programación de próximas excursións.


Valorouse de novo a posibilidade de facer unha excursión a Oporto. O tesoureiro, Benito Figueroa, quedou en realizar xestións para levala adiante.


Acordouse programar unha excursión a Vilanova de Lourenzá co gaio do Congreso sobre o Monacato galego, a desenvolver entre os días 30 de novembro, 1 e 2 de decembro vindeiros. Concretarase a data con posterioridade para visitar San Martín de Mondoñedo e Lourenzá. 


O sábado 15 de setembro, farase unha excursión a Teixeiro, Sobrado, Toques e Friol.


7.- Programación de conferencias.


Preguntou o presidente se algún dos presentes estaba disposto a impartir unha conferencia ou tiña noticias dalgún outro socio que quixese facelo. Fixo uso da palabra  Manuel María de Artaza e indicou que estaba disposto a organizar un seminario impartido por el mesmo que suporía unha fórmula mais aberta na que poderían participar todos os asociados. O seminario organizarao en data a concretar e con anterioridade repartirá material que favorecerá a participación dos socios. A Xunta Directiva agradeceu esta idea que redundará na dinamización e diversificación das nosas actividades.


8.- Novos asociados.


Acordouse asemade dar a benvida e inscribir no rexistro da Asociación a Mercedes Tella Pedreira.


9.- Entrega de diploma de Socio de Honra.


Informou o presidente que por diversas ocupacións, tanto dos membros da Xunta Directiva en varios casos, como do homenaxeado nun deles, non foi posible aínda entregar o diploma de Socio de Honra a Eduardo Pardo de Guevara. Acordouse buscar data e hora que conveña a todos e facer a entrega sen mais dilacións.


10.- Situación do acordo coa Fundación Pedro Barrié de la Maza para a transcrición da documentación medieval do Mosteiro de Monfero.


Novamente fixo uso da palabra o presidente para informar do acordo con a Fundación Pedro Barrié de la Maza, que está pendente de sinatura.

 

11.- Rogos e preguntas.


Fixo uso da palabra Manuel Vidán Torreira, facendo fincapé na importancia que ten o feito de acompañar de fotografías as transcricións de documentos que aparezan en publicacións da Asociación. O presidente respondeu que sendo interesantes, as dificultades que supoñían os complicados trámites nos arquivos, facían aconsellable prescindir das anteditas ilustracións e que de feito, moitos outros investigadores aconselláranlle que non incluíra ilustracións a fin de evitarse problemas. Con tal motivo fixo uso da palabra o presente secretario, sinalando que na súa opinión os trámites non son tan farragosos, e en arquivos públicos redúcense a solicitar as reproducións, aboar as taxas correspondentes, e facer unha nova solicitude de difusión pública dos documentos para a súa publicación. Tratándose en definitiva de cubrir uns impresos, aboar unhas taxas e entregar algúns exemplares da publicación aos arquivos nos que se conservan os documentos. Polo demais, as solicitudes poden considerarse un mero trámite porque tratándose de publicacións científicas sen pretensións comerciais, é sabido que sempre teñen un resultado favorable. Insistiu o presidente en que son moitos os arquivos que non permiten facer copias coas cámaras dixitais que poidan portar os propios usuarios, e iso supón unha dificultade. Replicou este secretario que está de acordo, sendo tamén partidario de que se puidesen empregar as cámaras dixitais dos usuarios nas propias salas de consulta, pero tendo as institucións que custodian os documentos as facultades que lle atribúe a lexislación vixente, nomeadamente, os dereitos de propiedade intelectual sobre os fondos que custodian, están no seu perfecto dereito de impedir que os usuarios empreguen as súas propias cámaras nas anteditas salas de consulta, como tamén de autorizar a publicación das imaxes facilitadas polos arquivos.


Fixo uso da palabra a continuación Benito Figueroa para informar que os vindeiros 21 e 22 de setembro desenvolvese o “Curso sobre subvencións provinciais e o seu control financieiro” ao que debe asistir algún membro da Asociación por ter gran interese para solicitar futuras subvencións no organismo provincial. Sendo imposible para os presentes acudir a dito curso polas súas diversas ocupacións nas datas e horas de celebración do curso, acordouse solicitar colaboración aos demais socios para que algún deles asista e comunique o contido do curso nos puntos que mais nos poidan atinguir.


E sendo as vinte dúas horas e cinco minutos, non habendo mais puntos de que tratar, o presidente deu por pechada a sesión de todo o cal eu secretario certifico.








José Luis López Sangil, presidente Javier López Vallo, secretario.