XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA
REUNIÓN DO 4 DE OUTUBRO DE 2006
Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Ana Fernández Matarán, Amparo Hernández Segura, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.
Sendo as vinte unha horas, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.
1.- Informe do presidente.
a) Comezou indicando que debido a habelo esquecido en sesións anteriores, deixouse de dar trámite á correspondente admisión de varios socios:
Juan Granados Loureda, en 27 de abril pasado; Juan Calvo Ferret, Antonio Martínez Pereira, Andrés Pena Graña, con data de hoxe, aos que os membros da Xunta Directiva dan a benvida en nome dos demais asociados.
b) Lembrou que na última excursión visitouse a igrexa románica de Santa María de Cuíña e que causara desgusto entre os asociados o feito de atopar goteiras que afectaban ás importantes pinturas murais. En vista de todo ilo, acordouse que o presidente dirixa unha carta –que corre unida a esta acta– á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, poñendo estes feitos no seu coñecemento e solicitando á vez que se adopten medidas urxentes.
c) Así mesmo, acordouse que unha comisión visite e entregue o diploma de Socio de Honor desta Asociación a Eduardo Pardo de Guevara e Valdés.
d) Por último indicou o presidente que a Excma. Deputación Provincial da Coruña outorgounos unha nova subvención para a publicación dos números dous e tres da nosa revista Nalgures, que terá que saír do prelo antes do vindeiro 31 de decembro. En vista do cal, pasouse a debater o segundo punto da orde do día.
2.- Publicación dos números dous e tres de Nalgures.
Proseguiuse cun pormenorizado debate encol da ordenación da publicación. Decidiuse en primeiro lugar fixar como data tope de recepción de artigos o vindeiro 1 de decembro e anunciar este acordo na páxina web instando aos socios para que envíen os seus traballos ao presidente ou secretario.
E sendo as vinte dúas horas, non habendo máis asuntos de que tratar, o presidente deu por levantada a sesión, de todo o cal eu secretario, certifico.
José Luis López Sangil, presidente Javier López Vallo, secretario