XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL DE ESTUDIOS HISTÓRICOS DE GALICIA


REUNIÓN DO 2 DE SETEMBRO DE 2008



Na cidade da Coruña e sé da Biblioteca Municipal de Estudios Locais, previa convocatoria circulada hai días, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia coa a presidencia de José Luís López Sangil e a asistencia dos vocais e socios José Enrique Benlloch del Río, Demetrio Díaz Sánchez, Ana Fernández Matarán, Luís Gorrochategui Santos, Amparo Hernández Segura, Manuel María de Artaza Montero, Manuel Vidán Torreira, Benito Figueroa Aldariz, tesoureiro, e eu mesmo Javier López Vallo, secretario.


Non asistiron o vicesecretario e vocal de subvencións, Jesús Ángel Sánchez García, vocal de conferencias José Alfeirán Rodríguez, vocal de medios de comunicación Juan Granados Loureda, e os vocais sen asignación de funcións Rafael Tobío Cendón, Alfredo Erias Martínez, e Carlos de Castro Álvarez.


Sendo as vinte horas corenta e cinco minutos, o presidente deu por aberta a sesión e comezáronse a tratar os puntos da orde do día.


1.- Informe do presidente.


O desenvolvemento das actividades da Asociación segue sen novidades a destacar neste apartado. Indicou que o mais sinalado, tratarase en diversos puntos da orde do día.


Presentou a solicitude de admisión dun novo socio, Gonzalo Prado González, ao que a Xunta Directiva acordou dar a benvida.


2.- Estado de contas.


Fixo uso da palabra o tesoureiro, Benito Figueroa Aldariz, e indicou que nas dúas contas o saldo é positivo. O único pago previsto é o do mantemento da páxina web. 


3.- Actuacións desenvolvidas para o cobro de cotas pendentes de 2007 e 2008.


Reiterou o tesoureiro que o número morosos segue sendo o mesmo, en torno a 11 ou 12. Ningún deles mostrou de xeito explícito a súa vontade de deixar de pertencer á Asociación, como tampouco se tivo constancia de que algún devolvera os exemplares da revista. A Xunta Directiva acordou esperar un tempo prudencial, e de persistir na débeda, dalos de baixa no rexistro de socios.


4.- Evolución das peticións de subvención á Deputación da Coruña.


Malia coñecer que temos concedida a subvención solicitada o pasado ano, o presidente fixo diversas xestións para coñecer o estado de tramitación do expediente. En calquera caso, o tesoureiro confirma que a día de hoxe non está ingresada subvención na conta bancaria.


O mesmo presidente solicitou á Deputación da Coruña unha nova subvención para imprimir o número 5 de Nalgures.


5.- Solicitude de subvención a Caixanova.


Indicou o presidente que, polo de agora, non tivo resposta malia as xestións realizadas.


6.- Situación da impresión de Nalgures nº 4.


Tanto o presidente como o vocal José Enrique Benlloch, sinalaron que este número atópase en proceso de impresión, estando prevista a súa entrega para o mes en curso. Lembrou que se contratara coa empresa Lugami a impresión dunha revista de 400 páxinas, cunha tirada de 280 exemplares e 20 separatas. Unha vez maquetada a revista, acadáronse as 460 páxinas co conseguinte incremento do gasto ao que teremos que facer fronte. O mesmo presidente puntualizou que antes de entregar os artigos a Lugami e dispor a impresión,  asegurouse co tesoureiro de que aínda no caso de que non recibíramos a subvención da Deputación da Coruña –o que non se espera- tivéramos fondos para facer fronte ao pago.


A vicepresidenta fará xestións con Caixa Galicia para presentar este número  a finais de outubro ou principios de novembro.


7.- Artigos para Nalgures nº 5.


A día de hoxe recibíronse cinco artigos que se estenden ao longo dunhas 175 páxinas. Acordouse prolongar o prazo de presentación de artigos até vindeiro 30 de novembro, e deste xeito chegar ás 400 páxinas. De darse o caso  de superar esta cifra, os últimos artigos recibidos non se publicarían neste número senón no seguinte.


8.- Programación de excursións para o outono de 2008. Experiencia da excursión en autobús.


Despois de barrallar diversas alternativas (Pontevedra, Noia, Toxosoutos, mosteiros de Ourense, San Martiño de Mondoñedo, Valadouro, Lourenzá, Catedral de Ourense, Museo Arqueolóxico Provincial, etc.) acordouse visitar Pontevedra o vindeiro día 20 de setembro, percorrendo o seu Museo, San Francisco, Santa María e o Santuario da Peregrina. A vocal de excursións, Ana Fernández Matarán, fará as xestións habituais para elixir restaurante, estando previsto que polo serán se poida visitar Cotorredondo apreciando deste xeito os valores paisaxisticos que ofrece a visión das dúas rías.


Fixouse outra excursión para o 18 de outubro con destino Lourenzá, Valadouro e San Martiño de Mondoñedo.


Polo que se refire ao último viaxe en autobús, algúns socios mostraron o seu descontento pola lentitude do mesmo e conseguinte incomodidade que podía supor. Debateuse este punto e acordouse continuar coas excursións en autobús cando estas sexan de media ou longa distancia, tanto pola súa economía como pola comodidade para os que conducen os vehículos particulares e transportan a outros socios. Así mesmo, dados os inconvenientes xurdidos na última excursión, espérase que un cambio de empresa poida solucionalos.


9.- Programación de conferencias.


A vicepresidenta, Amparo Hernández Segura, porase dacordo tanto cos conferenciantes como con Caixa Galicia e xestionará a cesión do local para desenvolver as seguintes conferencias e seminarios.


Setembro: Juan Granados Loureda, que se ocupará da Guerra da Independencia.


Outubro: Manuel María de Artaza Montero, cun seminario tan so para socios encol do final do Reino de Galicia e a crise dos séculos XVIII e XIX.


Novembro: Consuelo Mariño Bobillo, que pronunciará unha conferencia na presentación de Nalgures nº 4.


Decembro: Luis Gorrochategui Santos.


Xaneiro de 2009: José Enrique Benlloch del Río que falará sobre a Costa da Morte e o entorno de Muxía en particular.


10.- Rogos e preguntas.


Estando pendente a realización dun apunte biobibliográfico sobre o noso benquerido amigo Santiago Daviña Sáinz, este secretario encargarase de redactalo.


O presidente mostrou o seu desgusto porque algúns dos vocais non asisten ás reunións coa frecuencia que sería desexable, o cal paraliza as actividades da Asociación e incrementa o traballo dos demais vocais e socios. A Xunta Directiva acordou que nas vindeiras reunións nomearanse suplentes para facer fronte a esta contrariedade.


Non habendo mais asuntos de que tratar, deuse lectura a esta acta que foi aprobada por unanimidade, e sendo as vintedúas horas e trinta minutos, o presidente levantou a sesión, de todo o cal eu, secretario, certifico.









Javier López Vallo, secretario     José Luis López Sangil, presidente